A Deputación lanza a primeira fase do plan de emprego social

Das 154 entidades participantes no Ben Empregado IV, 92 contarán cos primeiros 620.000 euros para axudas á contratación

Presentación do programa de emprego social Ben Empregado IV | Deputación de Lugo
Presentación do programa de emprego social Ben Empregado IV | Deputación de Lugo

A primeira fase do Ben Empregado IV permitirá a 92 entidades contar, a partir desta semana, con 620.000 euros para xerar emprego. Así o avanzou a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, que confirmou que as empresas e colectivos sociais que solicitaron o anticipo poderán empregar estas subvencións, dun máximo de 22.000 euros, para facer novos contratos sen ter que empregar fondos propios. As incorporacións poderán extenderse por 12 meses, incluirán cláusulas sociais, e en todo caso terán que proceder de lucenses en paro.

O programa da autoridade provincial ten por obxectivo a xeración de emprego de calidade en igualdade de dereitos, en pequenas e medianas empresas, colectivos sen ánimo de lucro e autónomos. En total, o Ben Empregado IV está dotado con 2,1 millóns de euros para as 154 entidades participantes; as que agardan aínda polas axudas terán acceso aos fondos durante as vindeiras semanas, segundo López Izquierdo.

Existen tres liñas de financiamento. A Deputación asumirá o 100 por cen do custe de contratación para persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social; o 90 por cento se é unha entidade sen ánimo de lucro; e o 50 por cento para a contratación de lucenses en paro por unha empresa da provincia.

En total serán 154 postos de traballo os creados, un por cada entidade integrada no programa Ben Empregado IV. Once a cargo de empresas e colectivos da Mariña; 24 da Terra Chá; 9 de Sarria; 79 na comarca de Lugo; 3 na Ulloa; 10 entre Meira, Os Ancares e A Fonsagrada; e 18 en Lemos e Chantada.

Tal e coma afirmou o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, a iniciativa da Deputación de Lugo favorece a empresas e colectivos que non participaron en anteriores edicións, así como as que cumpren certos requisitos de exemplaridade. Valorouse de xeito positivo o concurso de entidades que ofrecen contratacións indefinidas para o posto subvencionado, medidas específicas de conciliación laboral, de protección medioambiental e de responsabilidade social e corporativa. Por outra banda, tívose en conta que as sociedades fosen de nova creación, impulsadas por mulleres, por mozos ata os 35 anos, ou por maiores de 45.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here