InicioCulturaDos 'macarrós' aos 'macarrois': o proxecto Entrelinguas aliméntase das distintas falas de...

Dos ‘macarrós’ aos ‘macarrois’: o proxecto Entrelinguas aliméntase das distintas falas de Lugo

Os xornalistas Antonio Méndez, Sara Barreiro e Alejandro Vázquez veñen de presentar unha reportaxe multimedia que os levou por recunchos ben dispares do país para coñecer de preto a diversidade lingüística do galego. Polo camiño tamén bateron coas historias de vida, a cultura, a etnografía e as necesidades de lugares como Portomarín, Baleira, Cervantes, As Nogais e Negueira de Muñiz.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Dunha Facultade de Comunicación na que conviven pícaros da Mariña, rapases da Costa da Morte e algún mocín da Montaña de Lugo naceu un proxecto que puxo o punto de mira nesas diferenzas lingüísticas entre unhas e outras zonas de Galicia. ‘Entrelinguas’ é a reportaxe multimedia saída de moitos meses de traballo e de viaxe para coñecer de preto a diversidade das falas do país. A aventura tamén tivo varias paradas en Lugo: Portomarín, As Nogais, Cervantes, Baleira e Negueira de Muñiz. 

Os xornalistas Antonio Méndez Rodríguez, Sara Barreiro Álvarez e Alejandro Vázquez Corral son os autores deste proxecto, gañador da IV edición da bolsa Nacho Mirás. Na súa presentación, esta mañá en Compostela, deron conta do camiño que os levou ata aquí. “Nós buscabamos contar unha historia —a da lingua, —, pero polo medio atopamos moitas máis”, repetía máis tarde o friolés Alejandro Vázquez.

Sara Barreiro, Antonio Méndez e Alejandro Vázquez (no centro), na presentación do proxecto ‘Entrelinguas’ na Facultade de Comunicación da USC | ALX

“AQUÍ O RARO É ATOPAR ALGUÉN QUE FALE COMO NA TVG”

A investigación sobre a fala ía acompañada do interese de retratar a variedade histórica, cultural, social, natural e etnográfica dos concellos visitados (trece en toda Galicia). Por iso, as conversas coa veciñanza, representantes políticos, voceiros de asociacións… axudaron a tecer a intrahistoria dalgunhas comarcas. “Hai moitas maneiras de falar e todas teñen unha causa. A fala de Lugo, por exemplo, está moi marcada polos accidentes xeográficos e por ser un lugar de paso de camiños“, comentaban.

A proximidade de Negueira a Asturias trae canda si trazos semellantes aos da comunidade veciña. Así pois, alí “o artigo determinado masculino singular non é ‘o’. É ‘el’. Pero non é un castelanismo!”, explica Xosé Manuel González, filólogo entrevistado no proxecto. Repara, tamén, na particularidade dos plurais, que van desde os vecíus e veciñas ata aqueloutros que xa se escoitan da Fonsagrada en diante: os macarrois de Navia, Cervantes ou As Nogais non son os mesmos ca os macarrós da zona central da provincia.

Aquí o raro é atopar alguén que che fale como na Televisión de Galicia. Cando vén alguén de fóra, referímonos a el como ‘ese que fala raro'”, di nun dos vídeos da web Laura Pardeiro, creadora da revista dixital Leiras e Marcos, en cuxas publicacións respecta os trazos lingüísticos da súa zona. “Se ía falar das cousas d’eiquí, quería falar coma a xente d’eiquí”, contaba hai uns meses no Lugo Xornal.

AS REIVINDICACIÓNS

No proceso de elaboración desta reportaxe multimedia, os seus tres creadores constataron que o galego “segue moi vivo” nos concellos lugueses visitados. “Algúns non lle chaman nin galego, pero é igual de digno e hai que facer un esforzo por mantelo e poñelo en valor”, reivindicaba o equipo de ‘Entrelinguas‘.

Piden unha maior implicación de todas as partes para que esta riqueza lingüística non esmoreza canda as aldeas, cada vez máis avellentadas e despoboadas na súa maioría. “Unha das cousas que nos dicían é que eles non son persoas de cidade, pero queren os mesmos servizos ca hai alí”, explican, en relación á demanda dunha maior rede de servizos públicos que permitan á mocidade asentar nestes concellos do rural.

Así, ‘Entrelinguas‘ vaise construíndo coas voces, historias e reivindicacións dos veciños e veciñas dos lugares visitados. Alejandro Pin, párroco nacido en Baleira; Carme Souto, antiga directora do colexio das Nogais; Álvaro de Bazal, actor cervantego de ‘O que arde’; Adriano López, que lembra o anegamento de Portomarín; Mogli Indigo, fillo de alemáns asentados en Negueira… “En Galicia hai unha chea de historias que non se coñecen e que paga a pena contar. Sexa no galego que sexa”.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...