A carencia de CIM na Montaña de Lugo evidencia a “desprotección das mulleres do rural”

Os Centros de Información ás Mulleres (CIM) ofrecen asistencia psicolóxica e xurídica ante situacións de vulnerabilidade. Porén, no leste da provincia non existe ningún destes puntos. De que maneira repercute iso na vida das mulleres da Montaña? Falamos coa presidenta de Fademur-Galicia e con traballadores doutros CIM de Lugo para que nos amosen a súa perspectiva.

Mapa da distribución dos Centros de Información á Muller en Galicia | Secretaría Xeral de Igualdade

O mapa galego dos Centros de Información ás Mulleres (CIM) semella inacabado na zona leste da provincia de Lugo. Na comarca da Montaña non existe ningún punto de referencia para a atención das mulleres en situación de vulnerabilidade, que se verían obrigadas a desprazarse a concellos distantes no caso de precisar un servizo público especializado. A carencia deste recurso pon de manifesto a “desprotección” e “discriminación” das mulleres no rural.

“Non só pasa no interior de Lugo. Hai amplas zonas do rural de Galicia que non contan con ningún CIM”, lembraba Rosa Arcos Caamaño, presidenta de Fademur-Galicia (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais). Ao seu ver, iso responde a unha cuestión “meramente economicista”. “A Xunta sempre reparte os recursos en función de onde hai unha maior masa de persoas susceptibles de votar”, di. Iso acaba por reverter no “abandono e desmantelamento” do rural.

“Hai que achegar os recursos públicos ás mulleres, en especial ás máis maiores”

AVALIACIÓN DO PORQUÉ DA SÚA AUSENCIA

Ben é certo que, segundo a normativa que regula os CIM, este é un servizo que debe ser requirido polos propios Concellos, condición na que se apoia a Xunta de Galicia para escusar calquera tipo de responsabilidade. Insisten en que o compromiso da Administración autonómica é o de cofinanciar o recurso, pero subliñan que son as entidades locais as que deben dar o primeiro paso. Aínda así, a presidenta de Fademur veo doutra maneira: “Se a Administración pública ten vocación de ofertar servizos en igualdade en todo o territorio, debe analizar por que nesas zonas non se solicita ese recurso”.

É unha cuestión de posicionamento político?, de prioridade económica?, de imposibilidade económica? Rosa Arcos cre que a Xunta debería avaliar a situación para identificar e solucionar o problema. “Na Montaña de Lugo xa non se planificou en ningún momento a existencia dun CIM” e, malia que foron xurdindo centros que cobren a demanda de varios concellos, “iso non vai resolver a carencia”.

“A poboación feminina no rural que pode estar vivindo situacións de violencia de xénero ou de necesidade de información non ten por costume saír do seu entorno para buscar eses recursos”, afirma Rosa Arcos. O envellecemento da comarca da Montaña tampouco axuda a iso. “Hai que achegar os recursos públicos a esas mulleres, en especial ás máis maiores“, reclama.

DE QUE MANEIRA PODEN AXUDAR OS CIM ÁS MULLERES?

Os Centros de Información ás Mulleres (CIM) constitúen un servizo público que pretende apoiar e darlles confianza ás mulleres en situación de vulnerabilidade psicolóxica, económica… “Que as mulleres saiban que teñen ese recurso ao seu alcance xa é unha maneira de que elas se sintan máis acompañadas”, pensa a presidenta de Fademur-Galicia.

Así e todo, Rosa Arcos sinala a necesidade dunha maior proactividade por parte dos CIM: o seu traballo non se debera reducir ao interior do edificio en si, senón que deberan saír e actuar como axentes de socialización. “Non podes esperar que unha muller que sofre unha situación de violencia vaia polo seu propio pé na procura de axuda. Sobre todo porque moitas veces non son conscientes de que están sufrindo iso“, resalta. “Precísase colaboración cos Servizos Sociais e médicos”.

COORDINACIÓN ENTRE VARIOS SERVIZOS PÚBLICOS

Xustamente, o CIM de Palas de Rei —que cobre os concellos de Palas, Antas de Ulla, Portomarín, Monterroso, Guntín e Friol— está emprazado nun centro de saúde PAC. “Esa é unha vantaxe que temos respecto doutros CIM”, opina Juan María Insua Santamaría, avogado que ofrece atención xurídica neste espazo. “Estamos en continuo contacto co equipo sanitario. Eles poden detectar certos problemas nas pacientes e derívanas ao noso servizo”. Refírese, por exemplo, a doenzas psíquicas como a depresión ou a ansiedade, se cadra resultado dun ambiente de violencia (implícita ou explícita).

“Os médicos de Atención Primaria deberían traballar moito máis niso. Ás veces non o fan porque entenden que non deben meterse na vida de ninguén, pero é moi importante”, comentaba, pola súa parte, Rosa Arcos. A colaboración dos servizos sanitarios podería servir, quizais, para suplir parcialmente a carencia de CIM en moitas zonas do rural. Activarían unha rede de traballo cos Servizos Sociais e cos centros doutros concellos.

Mulleres da ANPA do colexio de Cervantes organizan unha chea de actividades para dinamizar a contorna | Remitida

NON SÓ CASOS DE MALTRATO

Juan María Insua Santamaría, do CIM de Palas, tamén entende que é “moi importante” establecer estes puntos en zonas de grande dispersión demográfica. El fala da comarca da Ulloa, que é a que lle compete, pero é algo que se magnifica se pensamos nos concellos da Montaña. Ana Berta Pardo, directora do CIM de Vilalba, destaca o “déficit de atención” que sofren esas mulleres por parte das administracións. “O que iso provoca é que acudan a servizos non especializados”.

A insuficiencia de persoal —como sucede no CIM de Vilalba, que atende case toda a Terra Chá— é un lastre á hora de poñer en marcha máis actividades e traballar na busca desa proactividade que reclaman dende Fademur. “Nos CIM non só atendemos mulleres que sofren maltrato. Tamén tratamos cuestións de divorcios, despedimentos…”

“As mulleres cubrimos os baleiros dos servizos públicos a base de expropiar o tempo doutras mulleres”

A DUPLA DISCRIMINACIÓN DA MULLER RURAL

Á fin, a falta destes recursos en determinadas áreas repercute na desigualdade territorial e de xénero. “O desmantelamento do rural castiga dobremente as mulleres”, concluía Rosa Arcos Caamaño. “Cando falta un medio público, pasa a ser suplido pola muller: se non hai centro de día, elas coidan os maiores; se non hai escola, elas coidan os nenos… As mulleres cubrimos os baleiros dos servizos públicos a base de expropiar o tempo doutras mulleres”, seguía.

Daquela, tamén as rapazas e mulleres precisamos redes de apoio e recursos para previr estas situacións. Do contrario, “é moi difícil que poidamos loitar contra o mal de raíz que é o envellecemento e o despoboamento. As nosas nais non queren para nós ese futuro nin nós o imos querer para as nosas fillas”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here