InicioSucesosPiden catro anos de cárcere para unha ex axente bancaria por estafar...

Piden catro anos de cárcere para unha ex axente bancaria por estafar unha persoa maior

Aconteceu entre 2010 e 2019 nunha sucursal do Banco Santander no municipio de Monterroso.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Unha ex axente bancaria sentará este mércores na Audiencia Provincial de Lugo por un suposto delito de estafa a unha clienta de avanzada idade, polo que a Fiscalía solicita para ela catro anos de prisión. Segundo relata o escrito do Ministerio Público, a presunta responsable dos feitos traballaba entre 2010 e 2019 nunha sucursal do Banco Santander no municipio de Monterroso.

Entre os clientes que atendía a acusada atopábase a vítima da suposta estafa, que no momento dos feitos tiña 78 anos. De acordo con Fiscalía, a muller tiña as súas facultades intelectivas “mermadas dada a súa avanzada idade”, polo que tiña que acudir habitualmente ao persoal do Concello de Antas de Ulla para que lle axudasen a xestionar as súas contas e comprobar os cargos.

A súa actividade habitual limitábase á xestión dunha conta corrente e dous fondos de investimento, así como disposicións de efectivo con presentación de caderno. Ademais, era clienta da sucursal do Banco Santander de Monterroso desde había moitos anos, polo que existía nela “unha relación de confianza” cara á acusada.

Neste contexto, o 1 de marzo de 2019, a axente bancaria actuou –segundo Fiscalía– co “ánimo de obter un enriquecemento inxusto e prevaléndose da confianza” que a cliente tiña despositada nela e a entidade, de modo que a convenceu para que trasladase 8.200 euros da súa conta corrente a un dos seus fondos de investimento. Pero, en realidade, a acusada procedeu a retirar en efectivo e en beneficio propio a cantidade de 8.200 euros da conta corrente sen contar coa autorización da vítima.

Para iso, “cubriu o correspondente documento de reintegro e induciu á vítima a asinalo, aproveitando as circunstancias derivadas da súa avanzada idade e a confianza que tiña depositada nela” para facerlle crer que o documento reflectía a operación de traspaso a un fondo de investimento que lle recomendou. A prexudicada, explica Fiscalía, non recuperou o diñeiro e renunciou a reclamar unha indemnización.

Por estes feitos, o Ministerio Público acusa á traballadora dun delito de estafa agravada, por cometelo prevaléndose a acusada da súa credibilidade profesional, polo que lle solicita catro anos de prisión e multa de 10 meses e 15 días, por razón de 20 euros ao día.

ESTAFA A UN MATRIMONIO

Por outra banda, a Audiencia de Lugo acollerá este martes o xuízo contra dous individuos por outra suposta estafa a un matrimonio de avanzada idade pola que se enfrontan a dous anos e medio de cárcere cada un.

Segundo o escrito de Fiscalía, un dos acusados comprara en 2005 un solar ás vítimas a cambio da entrega de dous apartamentos, dous trasteiros e dúas prazas de garaxe do edificio que supostamente pretendía construír. Meses despois, o comprador cedeu os seus dereitos a unha promotora da que era administrador o outro responsable dos feitos.

Con todo, tal e relata o Ministerio Público, “realmente no ánimo dos acusados xamais estivo realizar edificación ningunha” no solar. Así, ningún dos dous realizou ningún acto para iniciar as obras como podería ser redactar un proxecto de edificiación ou solicitar unha licenza.

Por isto mesmo, a Fiscalía solicita para cada un dos presuntos estafadores penas de dous anos e medio de prisión, así como unha indemnización de 150.000 euros para as herdeiras do matrimonio polos prexuízos ocasionados.

ÚLTIMAS

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...