A Xunta Electoral tomba o recurso do PSOE en Monterroso

A xunta de zona deberá agora decidir se mantén o criterio de mesas gañadas, que outorgaría a vitoria a Independentes por Monterroso.

Touriño con Rafael García, candidato do PSOE en Monterroso, e membros da lista / PSde-PSOE

A Xunta Electoral Central (JEC) tombou o recurso do Partido Socialista en Monterroso que reclamaba a validación dun voto declarado nulo. Con esta decisión, mantense o empate a 798 sufraxios entre os socialistas e Independentes por Monterroso.

Deste xeito, a xunta electoral de Chantada terá que decidir agora se se fai un sorteo – como ocorreu no municipio dos Blancos (Ourense) fai oito anos – ou se mantén o criterio de mesas gañadas, que actualmente lle outorga a Independentes por Monterroso un edil máis provisional. Os independentes gañaron en tres mesas, polo que se lles outorgaría a vitoria, segundo fontes de partidos consultadas por Europa Press.

Na súa resolución, datada no pasado 6 de xuño e contra a que só cabe recurso contencioso-electoral, a JEC acorda desestimar tanto a reclamación presentada polo PSdeG-PSOE como a de Independentes por Monterroso, polo que se mantén o empate e terá que ser a xunta de zona quen realice a asignación de edís.

Os socialistas reclamaban a validación dunha papeleta ao seu favor que foi introducida na urna das municipais dentro do sobre azul, correspondente ás eleccións europeas que tamén se celebraron o pasado 26 de maio.

Con todo, a JEC sinala no seu fallo que a papeleta declarada nula pola mesa non foi introducido na acta de sesión, na que tampouco figura “o motivo da nulidade nin a que candidatura” correspondía o sufraxio anulada.

A xunta tamén apunta que dita acta non recolle “protesta ningunha” formulada pola interventora da candidatura do PSOE “que puidese constituír unha proba” de que tal voto nulo correspondía ao partido que representaba e de que “este fose declarado nulo por ser introducido no sobre azul das eleccións europeas”.

“Por tanto, faltando no expediente a proba da papeleta do voto nulo, non se pode na estreita marxe deste procedemento comprobar que tal voto nulo correspondese a unha papeleta da candidatura do PSdeG-PSOE, nin tampouco que este fose declarado nulo por ser introducida no sobre azul das eleccións europeas”, resolve a JEC.

Así as cousas e ante a falta de probas que apoien a reclamación dos socialistas de Monterroso, a JEC mantén o criterio establecido na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) que determina que “é voto nulo o voto emitido en sobre ou papeleta diferente do modelo oficial”.

Tamén tomba o recurso dos Independentes, que pedían que no caso de que se validase o voto reclamado polos socialistas fose aceptado un sufraxio ao seu favor declarado como nulo por presentar unha rasgadura na parte superior da papeleta. A xunta considera que a agrupación de independentes que lidera o exregidor socialista Antonio Gato presentou este recurso “a modo de reconvención” despois da reclamación presentada polo PSOE.

OUTRAS RESOLUCIÓNS

Así mesmo, o pasado xoves a JEC tamén emitiu resolucións sobre outros recursos sobre as eleccións locais presentadas en distintos concellos de Galicia. Todas as reclamacións foron rexeitadas.

En Cambados (Pontevedra), tomba os recursos interpostos por Partido Popular e Somos Cambados – Mareas Locais, que cruzaron reclamacións de impugnación de votos recibidos por ambas as partes. En Burela tamén desestima a petición da candidatura Burela Sempre de que as votacións fosen repetidas nunha mesa electoral.

Por último, o recurso de Compromiso por Galicia en Santa Comba (A Coruña) foi así mesmo rexeitado. Neste caso, o partido galeguista pedía a corrección da acta de sesión dunha mesa electoral do municipio coruñés.