InicioSociedade'De muller a muller': 48 historias en feminino para trocar clixés sobre...

‘De muller a muller’: 48 historias en feminino para trocar clixés sobre o rural

A través de entrevistas que se difundirán na web e nas redes sociais, mulleres de distintos sectores e lugares afondan nas súas historias de vida e profesións desde unha perspectiva feminista e do rural.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo presenta o proxecto ‘De muller a muller’ integrado por corenta e oito  entrevistas realizadas a mulleres de sectores moi diversos que residen en distintos núcleos poboacionais do medio rural e que se difundirán na web e nas redes sociais desde este 8 de marzo. Na contorna do Día  Internacional das Mulleres Traballadoras, esta iniciativa incita ao compromiso co medio rural desde o feminismo, cunha forte implicación respecto do repoboamento.

A través das experiencia vitais e das reflexións das entrevistadas, recollidas pola psicóloga e educadora Laura Pardeiro, autora do blog “Leiras e Marcos”, o proxecto ofrece modelos femininos no medio rural como unha resposta á necesidade que presenta a mocidade de configurar a súa identidade persoal e profesional, alén de difundir un “rural innovador, diverso, tolerante e inclusivo, desde as aldeas do interior,  ata a montaña ou ben a costa”, explican nunha nota. Tamén “desde o sector pesqueiro, automobilístico, gandeiro ou forestal, ata outros como o marketing, a arte, a hostalaría, a ensinanza, a artesanía ou a música”. Sectores, pois, tradicionalmente masculinos onde as mulleres xa son unha realidade e sectores feminizados que están “infravalorados polo baixo prestixio sociocultural ligado ás profesións, remuneradas ou non, que tiñan que ver coas mulleres”.

Corenta e oito mulleres das distintas comarcas narran a través dun formato de entrevista as súas experiencias persoais positivas. A Deputación de Lugo explica que se aposta, así, “por dar visibilidade a historias de vida apegadas á terra e transgresoras co sistema de dominación masculina, tratando de reverter a percepción que se ten habitualmente sobre o medio rural para converter esta opción nunha oportunidade válida vencellada ao lugar de orixe”.

A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “a difusión destes contidos  supón unha reivindicación das distintas maneiras de vivir, presentando  referentes en multitude de comarcas lucenses para trocar clichés sobre as mulleres no medio rural e posibilitar que a mocidade recolla o relevo xeracional e desenvolva os seus proxectos profesionais e persoais en lugares cheos de oportunidades”.

Entre as historias de “mulleres imprescindibles para o noso presente e futuro”, atópase a de Branca Villares (cultura tradicional), Antía Fernández (panadeira), Cándida Rodríguez (veterinaria), ou Isabel Vilalba (gandeira e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego). Son, en total, 48 relatos de toda a provincia lucense.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...