Vox é terceira forza en 22 concellos do centro da provincia, onde PP e PSOE manteñen a súa hexemonía

Os populares aumentan distancia cos socialistas, que perderon apoios dende abril, igual ca Galicia en Común-Unidas Podemos. A extrema dereita asina un preocupante ascenso pero, aínda así, a formación que máis medrou en número de votos foi o BNG. Pola contra, materializouse a desfeita de Ciudadanos, que deixou máis de 12.000 votos polo camiño.

Mapa dos partidos máis votados en cada concello de Lugo nas eleccións xerais do 10N. En azul, o PP; en vermello, o PSOE | RTVE

As eleccións xerais deste 10 de novembro ratificaron a hexemonía do PP e PSOE en Lugo. O reparto de escanos non deixou ningunha sorpresa na provincia, onde populares e socialistas volveron obter cadanseus dous deputados. O Partido Popular repetiu como forza máis votada e aumentou distancias co PSOE, que perdeu apoios dende os comicios de abril. Os datos máis rechamantes corresponden ao baile de electorado dos partidos que quedaron sen representación: baixan os votos para Galicia en Común-Unidas Podemos; o BNG sobe; Ciudadanos colleita unha desfeita acorde ao acontecido no resto do Estado; e os ultradereitistas Vox medran ata o punto de converterse na terceira forza política en boa parte dos concellos da provincia.

O mapa político lucense adquire un azul máis intenso en comparación cos resultados saídos do 28-A. Nas comarcas do Lugo central —comarca de Lugo, Terra Chá, A Ulloa, Os Ancares e Montaña—, os populares impóñense e mesmo recuperan Rábade, cuxa maioría perderan nas pasadas eleccións. Estiveron especialmente fortes en Friol, por exemplo, onde sacaron o 62% das papeletas, en Guntín (57’3%) ou en Palas de Rei (53’3%).

Os municipios que se mantiveron fieis ao PSOE foron Navia de Suarna (41%), Cervantes (45,2%), A Fonsagrada (46’4%), Ribeira de Piquín (51’8%), A Pontenova (41’3%), Pol (37’2%) e Castroverde (38%). Tamén gañaron os socialistas en Lugo capital (32’9%), aínda que o fixeron pola mínima: tan só 21 votos máis ca o PP.

Así pois, PP e PSOE ‘repartiron a torta’ entre eles. A listaxe máis próxima a arrebatarlles un deses escanos foi Galicia en Común-Unidas Podemos, pero quedaron a máis de 12.000 votos de conseguilo. A candidatura liderada por Vanessa Somoza acadou un 9’17% dos votos totais na provincia —en abril subira do 10%—, fronte ao 31’93% e 38’13% de socialistas e populares, respectivamente.

VOX, TERCEIRA FORZA EN MOITOS CONCELLOS

Aínda que lonxe de obter representación, os votos de Vox medraron coma a escuma tamén en Lugo. A formación de extrema dereita foi a cuarta forza con máis apoio na provincia —8’12%, que se corresponde con 14.475 votos— e escalou ata a terceira posición en boa parte dos concellos. Becerréa, co 13’42%, foi o municipio onde os ultradereitistas obtiveron o seu mellor resultado.

Concretamente, Vox foi o terceiro partido máis apoiado en 22 dos 32 concellos incluídos nas comarcas antes citadas. Sería o caso de Baleira, As Nogais, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei, Portomarín, Rábade, Antas de Ulla, Meira, Ribeira de Piquín, Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e Vilalba.  Pola contra, o concello onde menos porcentaxe de voto conseguiron foi A Fonsagrada (4’34%):  alí, a extrema dereita foi relegada ao quinto posto, aínda que tan só con dúas papeletas menos ca o partido que está na cuarta posición (Galicia en Común-Unidas Podemos).

O BNG MEDRA; C’S PRECIPÍTASE

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego foi o partido que máis aumentou o número de votantes na provincia: case 3.200. Pasaron do 4’83% do apoio ao 7’21%, aínda que seguen no quinto posto, por detrás de Galicia en Común-Unidas Podemos e de Vox. Nas comarcas de Lugo central, o BNG foi terceira forza na Fonsagrada, en Pol, A Pastoriza, Muras e Xermade.

Situación ben distinta se atoparon os representantes de Ciudadanos. A caída en picado que sufriu a formación laranxa a nivel estatal tamén se deixou notar na provincia de Lugo, onde perderon máis de 12.000 votos respecto dos comicios xerais do 28-A. De terceira ou cuarta forza en boa parte dos concellos, pasaron a ser a sexta, cunha porcentaxe practicamente irrelevante.

ANÁLISE DOS RESULTADOS NA MARIÑA E NO SUR DA PROVINCIA

Esta tendencia de voto esténdese tamén ás comarcas da Mariña e do sur da provincia de Lugo. Na costa, o PP gañou en 11 dos 16 municipios.  Alí, a suba de Vox notouse menos ca nas comarcas do centro ou ca no sur lucense, onde tamén foron terceira forza nunha ducia de concellos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here